Temos que agradecer este ano que no envío dos lotes da Xunta se incluísen algúns documentos galegos relacionados coa temática LGTB que posibelmente, doutra maneira, non chegarían ás bibliotecas.
O noso país non é moi prolífico na produción de obras desta temática, polo menos a nivel editorial, aínda que si existen textos, sobre todo en revistas, que tratan este tema. A existencia dun país pouco articulado socialmente, onde mesmo as entidades de defensa dos dereitos LGTB son poucas e febles, o mercado non presta excesiva atención ao noso público, e as propostas editoriais chegan, na maior parte dos casos, en castelán e de editoras de Madrid ou Barcelona.
Na actualidade xa existen multitude de obras infantís de calidade que poderían ser do interese das nosas editoras de referencia neste ámbito, como son Kalandraka e OQO, ou de outras que podían comezar a editar algunha colección sobre novos modelos de familias. Mentres isto non ocorre acabamos acudindo ao mercado en castelán para solventar esta falta de atención.
Para paliar en parte esta falta a Xunta enviou este ano ás bibliotecas dúas obras en galego para adultos. A primeira delas é unha da que xa temos falado no blog: Elisa e Marcela: alén dos homes.
A segunda obra é de alcance máis restrinxido xa que se trata dun catálogo de arte. A obra é Cuestión de peito de Álex Mene (A Nosa Terra, 2008), documento que fai un repaso pola obra fotográfica deste autor.

Queremos comezar esta recensión pola cita inicila da obra, moi acertada, tomada d’A verdade vestida de Blanco Amor:
A beleza, xa se sabe, é un elemento subversivo de primeira clase
O autor utiliza esta cita porque coñece ben o autor, (está preparando a súa tese sobre a obra fotográfica de Blanco Amor), como declara na entrevista realizada no Diario de Pontevedra, referente que parece dirixir o traballo deste artista.
Cuestión de peito forma parte da colección Prensa & Criación, d’A Nosa Terra, dirixida a mostrar obras de artistas. Neste caso recompila o traballo de Álex Mene do período 1998-2008.
Como se recolle na mesma entrevista Cuestión de peito permite apreciar as constantes que presiden este traballo (preocupación formal e técnica, certo carácter autobiográfico…), un traballo que ten un eixo temático fundamental: a homosexualidade masculina. “Sen dúbida é un tema importante na miña obra. Pero máis alá do que sería a reivindicación da homosexualidade, se eu reivindico algo é unha ollada homoerótica. Que faga fotos de homes espidos non quere dicir nin que o modelo sexa gay nin que eu estexa falando exclusivamente diso, da homosexualidade. O que é inevitable é que o fotógrafo que mira, neste caso eu pero penso que sería igual mesmo se fose unha muller, ten diante un corpo espido dun home. Así que tampouco se pode negar ese valor homoerótico. Pero teno dentro da normalidade absoluta: igual que cando retrato a un mozo e a unha moza non estou facendo reivindicación ningunha da heterosexualidade”.
Monse Cea, no texto incluído na obra, A Viaxe dun corpo aberto, sinala que o que desconcerta na obra é asistir á representación dunha persoa a través do seu corpo nú con ausencia de morbo… Crea unha obra reivindicativa da diferenza, desde a vivencia persoal, desde a naturalidade e a normalidade. Desde unha linguaxe universal, reivindica a diferenza cultural e de xénero.
Reivindica a naturalidade do seu desexo, avoga pola volta necesaria á fusión primixenia do ser humano coa natureza. A intimidade atópase asociada coa vivencia da natureza, do exterior, coa reivindicación do gozo sensual dunha erótica aberta, sinxela; a reivindicación dun erotismo limpo, sen morbo, normalizado.
Os outros textos que acompañan a edición: Que o centaura cabalga amazona, de Helena González e Para ollos de caracois de Mar Caldas, analisan as imaxes mostradas nesta recompilación desde unha perspectiva do discurso queer na obra de Álex Mene.
Filed under: Arte, Galiza | Deixar um Comentário »