A Asociación Nós Mesmas organizou o pasado 29 de Decembro unha actividade na Biblioteca Central de Vigo. Non tivemos ocasión de anunciar previamente esta iniciativa, sen embargo, queremos aproveitar agora para salientala xa que é a primeira da que temos noticia, desde a existencia deste blog, de realizar, nunha biblioteca pública galega, unha actividade de temática LGTB dirixida ao público infantil.
Utilizouse a lectura da obra Unha parella diferente de Daniela Kulot en edición de Faktoría K de Libros e dirixiuse a actividade a nenas e nenos de 3 a 7 anos.
Crocodilo e Xirafa son unha parella: unha parella de namorados.
Xirafa é moi alta e Crocodilo moi baixo, por iso viven nunha casa feita á súa medida.
Alí, apenas se decatan do diferentes que son.
Pero, un día que foron dar unha volta….
Segundo nos contan as organizadoras:
O obradoiro xurdiu da idea de realizar unha actividade cos máis cativos, xa que, por unha parte celebrábase o “Ano pola diversidade afectivo-sexual nas escolas” e, por outra parte, as e os pequenos LGTB son os primeiros en sofrer as discriminacións dos seus iguais nacidas froito dunha educación e socialización patriarcal e androcentrista, que rexeita e discrimina ás minorías.
Pareceunos este un xeito didáctico e divertido de achegarnos aos máis cativos e, como non, ás súas nais e pais (e avoas por suposto!) e de mostrarlles a existencia de narrativa infantil en galego como alternativa aos contos tradicionais. Contamos con 12 nenas e nenos de entre 3 e 9 anos, e as nais e avoas dalgúns quedaron e participaron connosco no contacontos e nas actividades posteriores.
A relación coa biblioteca foi moi positiva dende o momento do primeiro contacto, aínda que escasa xa que se ceñiu a facilitarnos unha aula na biblioteca infantil e a realizarnos difusión da actividade o mesmo día con carteis que eles mesmos crearon.
De todas as maneiras consideramos, o contacto coa biblioteca, un avance e unha porta aberta para actividades futuras con actividades deste tipo, e esperamos tamén que nos reciban do mesmo xeito en breve, xa que plantexamos solicitar a adquisición de títulos (narrativa e estudos) e filmes de temática LGTB cos que non contan na actualidade e dos consideramos importante a súa presenza na biblioteca.