Como xa nos fixéstedes saber a través do noso mail, temos moitas obras pendentes sobre as que realizar referencias. Non temos adicado apenas post a autores galegos, como Blanco-Amor, nen a todo o publicado no noso país. A única maneira de poder facelo é contando coa vosa opinión e os vosos artigos así que, se o desexades, o noso blog continúa aberto á vosa colaboración.
José Carlos Alonso do Colectivo Milhomes, fai tempo que nos fixo chegar a referencia a esta obra, da que tratamos hoxe, editada en galego por Edicións do Cumio.
Bícame Profe, da autora xaponesa Kazuma Kodaka (Kobe, 1965), é o primeiro Manga en galego, do que temos referencia, de temática gay dirixido a un público adolescente. Este xénero no manga recebe o nome de yaoi e xeralmente é unha obra de temática gay realizada por mulleres.
Bícame profe é un manga onde o humor e a tenrura teñen unha importante presenza. Kazuma narra unha historia de amor apaixonado que retrata o primeiro amor na adolescencia: Atsushi-kun está namorado do seu antigo viciño e amigo Maachan, e trata de matricularse no Instituto Jyogaoka para poder estar perto del nos próximos tres anos.
Temos que felicitar desde aquí a Edicións Do Cumio por ter apostado pola publicación dunha obra deste xénero na nosa língua e por dous motivos, polo risco da edición de banda deseñada, sempre cun custe moi alto, e pola aposta por unha obra desta temática que previbelmente podería ter menor “acollida” no mercado. Por outra parte os rapaces e as raparigas están moi afeitos xa á estética da banda deseñada xaponesa polo que a publicación desta obra contribúe de dobre maneira a visibilizar a temática LGTB entre a poboación adolescente e a normalizar a nosa língua con banda deseñada dirixa a esas idades.
A obra vai xa polo cuarto volume e pódese adquirir a un prezo moi asequible. Desde a editora permítese a descarga en pdf do primeiro capítulo de cada volume. Está tamén publicado en castellano por Ellago Ediciones.