Jose Carlos Alonso Sánchez, do colectivo Milhomes envíanos a información da obra Poeticaespetaculante de Abel Mendes Buxeiro publicado por Danú no ano 2006 e, do que aínda non déramos conta no blog. Son poucos os autores galegos que presentan unha obra sobre a temática LGTB e non podíamos esquecernos desta por se tratar dunha obra de poesía na que explicitamente se trata o amor homoxsexual.
A obra está editada na serie Singulares, textos escollidos que non chegarían aos lectores por mor das súas peculiaridades. Entre estas encóntrase a linguaxe utilizada por Abel que se trata, en palabras de Manuel Rivas, dun “poemario verdadeiramente singular, no que a inconfundible voz de Abel Mendes fai un alegato, cheo de tenrura e de ironía, contra a intolerancia e, sobre todo, dirixido a todos e a todas os que, por causa dunha afectividade distinta, aínda hoxe, padecen agresións físicas e psicolóxicas”, segundo se recolle en Galicia Hoxe do 3 de marzo de 2007 da presentación do libro na Fundación Seoane.
Manuel Rivas sinala a valentía persoal e a calidade literaria da obra de Mendes. O autor, nacido en Berna no ano 1975, ten colaborado en libros colectivos e revistas de poesía e recibiu o Premio Parroquial de San Xurxo “Marcela e Elisa”
O libro está dedicado “aos que no ensino primario e secundario, por causa da súa afectividade, padeceron ou padecen belixerancia e agresións, alentadas por unha sociedade teocrática”.
Organizado en tres partes, as dúas primeiras partes en verso e a última delas en prosa, a obra apresenta caracteres autobiográficos: en Merenda relata en forma de anuario experiencias escolares e adolescentes. En Efeméride en lascivia, convértese en amor xa adulto mentres que a última parte …En Frigorífico, en prosa, relata unha viaxe cega rodeada de amor na Habana.
Incluímos un dos poemas de Poéticaespectaculante:
Merenda
1988
Xurxo era tal un garbanfo
un carrifiño mouro bonitísimo
que me tiña preso polo peito
tan candidiño como era
e eu non atopei o xeito
e o guiar a un rego mollado
de paixón xuvenil e amor divagante
porque tamén eu era un mequetrefe
e só sabía do amor o que non sabía.